Saborea un menú (entrante, 2 pratos e sobremesa) inspirado na obra de Álvaro Cunqueiro (s. XX). Pratos que o grande escritor mindoniense probou unha e mil veces e recomendaba con paixón.

Época recomendada: inverno
Tempo: 2 días
Levámoste por:

  • Trabada
  • Lourenzá
  • Alfoz
  • Mondoñedo

Sabías que?…

Prolífica é a obra de Cunqueiro (1911- 1981), en galego e en castelán. Varios dos seus libros están relacionados directamente coa gastronomía como A cociña galega, Viajes y yantares por Galicia: obra periodística en vida gallega, 1954-1963, La cocina cristiana de Occidente; coas feiras como Os outros feirantes ou coa cultura galega como Ollar Galicia (1981, póstumo). Aínda que as referencias á comida nos seus textos son constantes e frecuentes como ocorre con Merlín e familia.

Paradas

Antes, un pouco de historia

As míticas Terra de Miranda, onde Álvaro Cunqueiro localiza a narración de Merlín e familia (1955), son un espazo a cabalo entre o literario e o real. Cunqueiro foi un home viaxeiro e gastrónomo e, de feito, a arte culinaria galega foi unha paixón á que lle dedicou moitas páxinas da súa obra. Recollemos algúns fragmentos nas paradas desta ruta.

Trabada

Para tomar o entrante pararemos en Trabada e alí probaremos a súa famosa e representativa “enfariñada”, que serven algúns bares a modo de petisco. Esta receita tradicional elabórase con fariña de trigo, leite, ovos e sal e despois, a masa cállase nunha tixola e vaise partindo en anaquiños.

“I a señora Marcelina púxolle diante, na tabla do escano, unha enfaragullada de fariña de trigo con torresmos.”
(Merlín e familia, 1955)

Se vés en agosto, non perdas a Festa da Malla do Trigo de Vilapena durante a que se recolle o trigo á vella usanza nunha xornada que mestura festa, traballo e tradición.

Empaparte de natureza é outra maneira de coñecer este verde municipio. Visita a Fraga da Belosiña e descansa na súa área recreativa ao carón do río Trabada e do Camiño Norte.

Lourenzá

O primeiro prato, un caldo galego con fabas, servirancho en Vilanova de Lourenzá.

“O caldo, de berzas, de grelos, de repolo, pódese facer de moitas maneiras. Pódese facer de caldo probe, con soio unto por toda grasa: bótanse as fabas na auga, e cando van cáseque cocidas, bótanse as patacas, ven cortadiñas e finalmente a verdura, cando xa as patacas están coitas. O unto que leve o caldo debe ferver coas fabas. Pro o caldo pode millorarse, entón, cando se poñen a ferver as fabas, bótase o que se queira de carne de porco, e cando comenza a ferver, ao final, a verdura, un chourizo que estoupe no caldo.”
(A cociña galega, 1983)

Os produtores da cooperativa local organizan visitas durante as que explican como é o seu traballo diario e os requisitos para colleitar esta legume con Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Amplía información do seu cultivo histórico  no Centro de Interpretación da Faba ou contacta cos organizadores da Ruta da Faba para completar a experiencia.

Se es máis de moverte pola túa conta, opta polas vistas panorámicas do miradoiro da Valiña.

Alfoz

Facemos parada nos establecementos de Alfoz para deleitarnos cunha das estrelas da gastronomía galega: o cocido. Un segundo prato para calquera época do ano, pero mellor en días de frío.

“Un bo cocido leva moitas cousas: xamón e lacón, carne fresca, touciño e chourizos, galiña e garavanzos, e por descontado, patacas. E á carne de porco que vai ó cocido aínda se lle poden engadir orella e fuciño, e costela salpresa, se a hai. E ca auga na que se coceu a cerne pódese facer una excelente sopa, de arroz ou de pasta.”
(A cociña galega, 1983)

Nesta parada tamén che ofrecemos visitar un obradoiro no que elaboran empanada de cocido.

Para baixar o xantar, nada mellor que pasear ata o castelo de Castrodouro, ou Torre da Homenaxe, emblema municipal; ou elixir algunha das tres rutas de sendeirismo de Alfoz: Pena Abaladoira, río Ouro ou a dos Castelos. Son de dificultade baixa ou media e con percorridos entre 8, 10 e 18 km.

Mondoñedo

E de sobremesa, torta de Mondoñedo! Poderás visitar algún obradoiro no que elaboran este doce ou compralo como recordo, efémero! para ti ou os teus achegados. En palabras de Álvaro Cunqueiro:

“A máis aparatosa de todas as tartas galegas é a coñecida como de Mondoñedo, que nun fondo de molde de pasta lixeiramente afollaldrada, leva unha capa de cabelo de anxo, outra de biscoito borracho, e despois outra de améndoa moída, máis ben grosa, e todo moi almibarado. E cando sai do forno, adobiada con froitas escarchadas e figos en almibre. Son tres pisos de diferente sabor, e que se axudan, o todo é un doce barroco, inda que se sospeita pola forma e polo adorno, que pode vir dos días románicos. Recomendándoselle ao pasaxeiro este espléndido doce medieval, orgullo da cociña canónica da vella sede.”
(Ollar Galicia, 1981)

En Mondoñedo, vila natal do escritor, cada esquina recorda o autor ou algunha das súas obras. A zona histórica está declarada conxunto histórico-artístico e paradas obrigadas son, entre outras, o pazo episcopal, o consistorio vello, a Fonte Vella, o convento e igrexa da Concepción, o convento de Alcántara, o barrio dos Muíños coa ponte do Pasatempo, a casa museo de Álvaro Cunqueiro e, por suposto, a estatua do escritor que sempre mira sorrinte cara á catedral e á praza.

Completa a túa experiencia nas Terras de Miranda!