Viaxa da costa ao interior para visitar antigos muíños de moenda e ver como a elaboración artesanal do pan, das empanadas ou da “enfariñada” se mantén hoxe en día para deleite do padal.

Época recomendada: xullo-agosto

Tempo: 2 ou 3 días

Levámoste por:

  • Xove
  • Viveiro
  • Ourol
  • Alfoz
  • Mondoñedo
  • Trabada

Sabías que?…

Se te fixas no mapa de Terras de Miranda, hai centos de ríos que sucan o territorio para desembocar na rectilínea cornixa cantábrica.

Destacan catro. O Landro, que se converte na ría de Viveiro; o Covo que acaba en Cervo; o Ouro e o Masma, que se funde na ría de Foz; e o Eo que, tamén en forma de ría, limita Ribadeo e Castropol (Asturias).

Paradas

Ruta dos Muíños (Xove)

Este itinerario de 7 quilómetros pola beira do río Rigueira ofréceche excursións a través dunha marabillosa paisaxe fluvial e de oito muíños de auga tradicionais. Tamén verás outras típicas construcións da arquitectura popular galega como os cabozos (hórreos) onde se gardaba o millo. O cabozo da Aira, en Barxa-Lago, é unha única peza construída en pedra.

Ruta dos Muíños de Balea (Viveiro)

Este paseo de menos de 5 quilómetros pola beira do río Landro, un dos iconos de Viveiro, seducirate pola fermosa paisaxe, as fervenzas e os 7 muíños fariñeiros polos que pasa. Se che interesa o patrimonio, achégate tamén á mámoa (sepulcro prehistórico) de Penas Brancas de Galdo, a 4 km da vila. Aquí, a 500 metros sobre o nivel do mar distinguirás o extenso val do Landro, no que acabas de estar.

Este conxunto megalítico está formado por catro mámoas, todas “violadas”, é dicir, que conservan a coiraza pétrea. Nas inmediacións existe un posible pozo utilizado para a preparación doutra mámoa.

E para abrir o apetito, propoñémosche visitar unha panadería con obradoiro participativo para aprender como se elaboran o pan e as empanadas. Alí explicaranche por que usan unha leña ou outra na cocción, visitarás os campos de trigo e verás a maquinaria antiga que se empregaba para elaborar estes dous fieis compañeiros da gastronomía das Terras de Miranda.

Festa da Malla do Rego da Ponte (Bravos, Ourol)

Esta é unha parada case obrigada se fas esta ruta en agosto. Presenciarás en primeira persoa como se separan os grans de trigo da palla, tal e como se facía outrora. Aproveita para visitar os restos da antiga casa señorial Ferrería de Bravos e gozar das paisaxes da serra do Xistral.

Museo Etnográfico da Auga (Alfoz)

Na coñecida como Finca Galea tamén organizan unha festa da malla en agosto. Trátase dun museo etnográfico sobre a cultura da auga e os usos e hábitos tradicionais nas casas de campo galegas. O conxunto, duns 60.000 m2, compóñeno un antigo muíño, un batán, unha presa e a fervenza do muíño, todo nunha fermosa paraxe (visitable).

Moi cerquiña atópase o castelo de Castrodouro, que alberga o Museo das Zocas. Este era o calzado tradicional dos nosos antepasados que utilizaban, sobre todo, para traballar no campo. Apunta! A terceira fin de semana de xullo celébrase aquí o Mercado Medieval.

Mondoñedo

Dicía o escritor Álvaro Cunqueiro que “Mondoñedo é rica en pan, augas e latín”. Chegados á cidade episcopal, recibirate o recendo do seu famoso pan e das empanadas cocidas sobre follas de verza. Aquí tamén poderás participar en obradoiros nunha panadería artesanal.

Hai varias festas que debes anotar. Na segunda fin de semana de agosto, o Mercado Medieval (Festa de Interese Turístico Galego), que rememora esta importante época histórica para a cidade. Durante As Quendas, ao redor do 1 de maio, celébrase a Festa de Exaltación da Empanada.

Non perdas de ir ata o barrio dos Muíños, a uns 10 minutos da catedral. Antigamente as canles artificiais de auga tiñan a función de alimentar os muíños que lle dan nome ao lugar e que, hoxe en día, inspiran o alcume da “Venecia” de Mondoñedo. Ademais do feitizo desta paisaxe de conto, fíxate na ponte romana do Pasatempo, testemuño pétreo doutro fito histórico. Alí, a muller do Mariscal Pardo de Cela foi entretida polo cóengo para que non presentase a tempo o indulto dos Reis Católicos e salvar a vida do seu marido, que era axustizado na praza da Catedral.

No barrio dos Muíños púxose en marcha hai anos un proxecto de promoción da artesanía con obradoiros de oficios tradicionais (monicreques, olería, cantería, estampa) visitables. En xullo celebran a FeiraMostra.

Trabada

Finaliza esta Ruta da Moenda en Trabada. Entrada do Camiño Norte, unha das rutas de peregrinación a Santiago, aquí poderás probar as “enfariñadas”, un prato típico elaborado con fariña de trigo, leite, ovos e sal e fritido en aceite de roxóns.

Se vés en agosto, non perdas a Festa da Malla do Trigo de Vilapena. O trigo recóllese á vella usanza durante unhas xornadas que mesturan alegría, traballo e tradición. Aproveita para percorrer a Ruta da Fraga da Vilapena, na que atoparás unha gran diversidade de árbores.

Completa a túa experiencia nas Terras de Miranda!

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies