Esta é unha ruta de peregrinación histórica a Santiago. Tanto a variante de Ribadeo como a de Trabada marcaranche o camiño para explorar o territorio e a nosa gastronomía máis típica.

Época recomendada: primavera
Tempo: 4 días (durmindo nas 4 vilas con albergue do territorio)
Levámoste por:

  • Albergue público de Ribadeo
  • Albergue público de Vilela (Ribadeo)
  • Albergue municipal de Gondán (Barreiros)
  • Albergue municipal de Vilanova de Lourenzá
  • Albergue municipal de Mondoñedo

Sabías que?…

O Camiño Norte parte de Irún e despois de 32 etapas e uns 875 km, acaba en Arzúa para unirse ao Camiño Francés rumbo a Santiago de Compostela (a 40 km). De entre todas as rutas de peregrinación xacobeas, é a segunda máis longa despois da Vía da Plata.

Paradas

Antes, un pouco de historia

Tras o Camiño Primitivo, esta ruta, que transita pola costa asturiana e entra en Galicia pola ría de Ribadeo, acadou gran relevancia na Baixa Idade Media. As peregrinacións marítimas estaban no seu apoxeo e en Oviedo comezou a celebrarse o Xubileu da Santa Cruz, de gran devoción entre os fieis que despois camiñaban os 198 km ata o sepulcro do Apóstolo para conseguir outra indulxencia.

Tamén atraía a devotos de todo o norte da Península, personaxes ilustres como San Francisco de Asís ou o bispo armenio Mártir de Azerbaján. Por terra e por mar, era entrada para xentes de Europa do norte. Mantivo a súa vitalidade ata o século XVIII.

Hoxe en día, en Galicia, existe a opción da variante de Ribadeo ou a de Trabada.

En 2015, o Camiño Norte foi recoñecido pola Unesco, xunto co Camiño Primitivo, como Patrimonio da Humanidade, a máxima distinción que pode recibir un ben cultural.

Ribadeo

Hai 3 paradas imprescindibles en Ribadeo, entre outras. Se fixeches noite na vila, aproveita para dar un paseo pola zona histórica e descubrir os edificios de arquitectura indiana que en 2004 propiciaron a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de conxunto histórico. Sigue a Ruta dos Indianos e serache máis fácil levar unha orde.

Herdanza dos emigrantes é tamén a tradición chocolateira de Ribadeo, que aínda continúa, innovando a súa oferta con petiscos como os bombóns de mar, con algas. Reserva cita para visitar o obradoiro onde os fan.

Mentres camiñas, daraste conta de que Ribadeo é capital comercial e, xa contra á hora de comer, da gran tradición de tapeo e de viños entre veciños e visitantes. Súmate a este costume antes de probar mariscos e peixes da zona na hostalería local ou opta por desprazarte ata a vila mariñeira de Rinlo, a uns 10 minutos en coche (7 km). Famosos son os seus percebes, que no verán teñen a súa propia festa gastronómica, ou o arroz caldoso con lagosta.

A terceira parada que che propoñemos é a praia das Catedrais, monumento natural de gran riqueza paisaxística. Recorda que no verán e en Semana Santa hai que solicitar autorización gratuíta para baixar ao areal.

Trabada

Aproveita que Trabada é a entrada da variante do Camiño Norte en Galicia e proba a tradicional “enfariñada”, unha especie de faragullos feitos con ovo, fariña e auga, e visita un obradoiro de artesanía local.

De camiño á seguinte parada quédache de paso a Fraga da Belosiña, con área recreativa ao carón do río Trabada. Aos máis activos, recomendámoslle a Ruta da Fraga da Vilapena (PRG-85), ao longo da que atoparás gran diversidade de árbores autóctonas.

Barreiros

En tempada, proba os bígaros (tamén coñecidos como caramuxos ou minchas),os pratos de carne da zona e de sobremesa, doces exclusivos do municipio coma o carolón.

Completa a estadía achegándote ao “Stonehenge galego”. O xacemento arqueolóxico A Roda (Idade de Bronce) é único en Galicia e mesmo en España. Tamén paga a pena descubrir a área natural e arqueolóxica de Santo Estevo do Ermo, con capela, fraga e fervenza, así como fontes con propiedades curativas e a pegada da ferradura do cabalo de Santiago.

Lourenzá

As fértiles terras do val de Lourenzá son a orixe das súas famosas fabas con Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Da man da cooperativa local, os produtores contaranche de ti a ti como é o seu traballo diario e, incluso, se queres afondar un pouco máis, os beneficios que lles achega a economía social. Anímate a vir na época da colleita (setembro) e queda xa para a fin de semana da Festa da Faba (1º de outubro), declarada de Interese Turístico Galego, e durante a que poderás degustar esta rica leguminosa nos postos instalados derredor da praza do Conde Santo ou nos restaurantes locais.

O Centro de Interpretación da Faba está aberto todo o ano e ao lado tes o mosteiro de San Salvador (monumento histórico-artístico desde 1974). A fachada da igrexa foi un ensaio do mestre Casas Novoa antes de facer a do Obradoiro (Catedral de Santiago). Outros imprescindibles do patrimonio laurentino son a fortaleza de Tovar e a área recreativa do muíño do Pereiro, con muíño visitable.

Se en lugar de moverte pola túa conta prefires unha visita organizada, opta por contactar cos promotores da Ruta da Faba.

Mondoñedo

Na “cidade episcopal” de Lugo hai tres imprescindibles gastronómicos que te animamos a probar e, se vas con tempo, incluso a coñecer de primeira man o seu proceso de elaboración ou de cultivo. Son os produtos da horta (mazás para sidra ou de mesa e tomates, entre outros), carnes e embutidos, e o pan, as empanadas e os doces (a famosa torta de Mondoñedo entre eles). Revisa máis abaixo a lista de obradoiros abertos a este tipo de experiencias e, elixe!

Xa na zona histórica, a propia vila convidarate a dar un paseo polas súas acolledoras rúas empedradas que, adrede, parecen acabar na catedral “axeonllada”, como se coñece ao templo mindoniense (visitable) pola súa escasa altura. Fronte a ela, a estatua sorrinte do escritor Álvaro Cunqueiro.

Tamén é recomendable camiñar ata o idílico barrio dos Muíños, sede da artesanía local, que recibe o nome de “pequena Venecia” pola súas canles de auga. Os artesáns aquí asentados estarán encantados de abrirche as portas dos seus obradoiros.

Se aínda tes enerxía, anímate a percorrer a Ruta da Auga, que finaliza na Cova do Rei Cintolo que, cuns 6.500 m de galerías, é a máis máis grande de Galicia (consultar as condicións da visita).

Completa a túa experiencia nas Terras de Miranda!

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies