Este é un paseo para larpeiros! Non faltan paradas para degustar a coñecida torta de Mondoñedo, sobremesas tradicionais ou receitas case perdidas como a da Colineta, recollida polo escritor Cunqueiro.
Época recomendada: Entroido / Nadal / verán (festas espalladas)
Tempo: 4 días
Levámoste por:
- Viveiro
- Alfoz
- Mondoñedo
- Lourenzá
- Foz
- Barreiros
- Ribadeo
Sabías que?…
Hai quen defende, o célebre escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro (s. XX), por exemplo, que a orixe da torta de Mondoñedo é unha talla (s. XII-XIII) que hai nun lintel do Pazo de Xelmírez (Santiago). Outros, que está inspirada no rosetón da catedral de Mondoñedo.
Paradas
Hai moitos motivos para visitar a vila de Viveiro: a súa historia de 900 anos; a encantadora zona vella, con monumentos como a Porta de Carlos V; o esteiro do río Landro, símbolo da cidade, que ten un importante valor paisaxístico e ornitolóxico; e tamén os seus doces!
O máis coñecido é a torta de améndoas, que ademais leva biscoito, cabelo de anxo e froita cristalizada de adorno. Nalgunha confeitería ofrecen a Colineta, unha torta recollida polo escritor Cunqueiro na súa obra. É unha especie de biscoito feito con ovos, azucre e améndoas moídas, sen fariña.
Teñen moita sona e demanda, sobre todo no Nadal, os doces do convento de Valdeflores, elaborados artesanalmente polas monxas dominicas. O cenobio, situado á beira do Landro, é visitable, ao igual que unha fábrica de cerámica con museo, tenda e xardín.
A Semana Santa de Viveiro (Festa de Interese Turístico Internacional) é unha das máis coñecidas e populares en Galicia. A oferta gastronómica destes días compleméntase con sobremesas como o Pan dos Apóstoles.
Outra festa a destacar pola súa vistosidade e gastronomía é o Entroido, un dos máis famosos da Mariña. Busca os freixós (filloas), orellas ou rosquiñas, elaboradas en diferentes establecementos.
Sorprende esta lista das sobremesas únicas, coas que se fai a boca auga, e incluso che damos a oportunidade de visitar un obradoiro para participar na súa elaboración.
Fai unha parada en Alfoz para coñecer e preparar ti mesmo doces nun dos obradoiros do municipio. Aproveita para percorrer estas terras recordando o legado do histórico mariscal Pardo de Cela, amado e odiado por igual, e visita o castelo de Castrodouro, tamén chamado Torre da Homenaxe. No interior atoparás o curioso Museo das Zocas e a Oficina de Turismo.
Se hai un embaixador das Terras de Miranda, este é a torta de Mondoñedo. Esta fantástica sobremesa, elaborada a partir de doce de cabaza, follado e améndoas, percorreu medio mundo e estivo presente en ilustres mesas como a dos reis de España ou no Vaticano grazas á intensa promoción dos obradoiros locais.
Hoxe elabórase en varias pastelerías mindonienses cos mesmos ingredientes, pero con toques propios que fan que cada mestre cree un produto único. Cada receita é un sabor por descubrir!
Os mazapáns do Entroido do val de Lourenzá nada teñen que ver cos de améndoas do Nadal. Fanse dúas masas, unha madre con fariña, auga e fermento e unha segunda con ovos, azucre, sal, manteiga, limón e fariña. Déixase fermentar a primeira, mestúranse ambas e mázanse. Logo, estírase, córtase en anacos e frítese.
O Domingo de Piñata, o primeiro domingo despois do Martes de Entroido, é o día máis esperado polos laurentinos porque o desfile de carrozas cerra a festa por todo o alto.
A Festa Normanda de Foz, ademais de inspirar esta espectacular recreación histórica baseada nas antigas invasións viquingas no Reino de Galicia, é o xerme dunha torta do mesmo nome e receita segreda.
Relacionada coa recreación desta historia de bispos, viquingos e focenses está, por suposto, a basílica de San Martiño de Mondoñedo (s. XI-XII). Construída sobre un templo prerrománico, foi sede episcopal da diocese mindoniense ata a construción da catedral de Mondoñedo e está considerada a catedral máis antiga de España (s. VI).
En Foz tamén poderás “degustar” dúas praias da vila, ademais de poñerte moreno nelas! As “rapadoiras” son un doce de améndoas, coco, azucre, ovos e un baño de chocolate con leite; e as “pedras de Llas” están elaboradas con améndoas e chocolate. Para honrar estes petiscos, percorre o paseo marítimo Rapadoira-Llas, desde a praia de Rapadoira, a primeira en conseguir bandeira azul na Mariña lucense en 1987, ata a de Llas ou incluso Peizás. É un dos camiños máis bonitos por Foz para gozar da ría, do porto deportivo e da súa variada flora e fauna.
E se vés no Entroido, acompaña os desfiles de carrozas cos imprescindibles freixós.
O doce máis carismático de Barreiros é o carolón. O seu nome fai referencia ás nogueiras ou concheiros, que na Mariña tamén se chaman “caroleiras” é as noces, “carolas”. Ten textura suave e manteigosa e un lixeiro toque a anís, con corazón de noces, pasas, doce e fina miga. Aquí, fronte á tamén rechamante rasa cantábrica (a liña de costa recta e baixa), anímate a camiñar pola Ruta das Praias desde a casa do concello de Barreiros ata a praia de Arealonga.
Coñecida, e recoñecida, é a tradición chocolateira de Ribadeo, orgullosa herdeira do seu pasado indiano. Históricas fábricas de chocolate da vila incluso se animaron a ofrecer novos sabores ao padal, como os bombóns de mar, con algas ecolóxicas da costa local.
Igual que nas anteriores paradas, o Entroido é a festa dos freixós que, con seguridade, é unha das sobremesas identitarias da gastronomía galega. O termo máis estendido no territorio galego é o de filloa, aínda que na Mariña se coñecen como freixós e adoitan ser doces (anisados).
Outro imprescindible de Ribadeo para os larpeiros é unha parada no convento de Santa Clara para catar a sona dos seus doces.