Montes, fragas e bosques sempre nos deron de comer. Recolle cogomelos, castañas ou elabora mel ao pé da serra do Xistral para, de paso, saber por que é tan importante preservar estes ecosistemas.

Época recomendada: outono
Tempo: 5 días
Levámoste por:

  • Burela
  • Barreiros
  • Trabada
  • Mondoñedo
  • Alfoz
  • O Valadouro
  • Ourol

Sabías que?…

A Cova do Rei Cintolo (Mondoñedo), cuns 6.500 metros de galerías exploradas e uns 75 m de profundidade, é a máis máis grande de Galicia. Durante as visitas de hora e cuarto (de marzo a novembro) quedarás impresionado coas estalactitas, estalagmitas, coladas, columnas, bandeiras,… formadas polas acción da auga dos ríos subterráneos.

Paradas

Burela

Na vila celébrase en novembro a Festa da Castaña. Ademais do típico magosto serven bolos preñados e viño acompañados de música e bailes rexionais. Non moi lonxe do núcleo urbano, podes gozar da natureza na área de recreo do monte Castelo. Ademais das fermosas vistas panorámicas da liña de costa (en Burela comeza, ou acaba, a rasa cantábrica), aquí atoparaste coa Historia.

Cerca encóntrase o asentamento castrexo Chao do Castro (non escavado), onde se localizou o famoso torque de Burela, un colar ríxido de ouro e elemento ornamental distintivo de poder ou riqueza que se representa no escudo municipal. É o maior dos torques atopados en Galicia e está custodiado no Museo Provincial de Lugo.

Barreiros

No barrio da Rilleira, pertencente á parroquia de San Xulián de Cabarcos, tamén celebran unha Festa da Castaña en homenaxe a este produto tan galego. Aproveita para achegarte á área recreativa de Santo Estevo do Ermo para pasear pola fraga do mesmo nome, pola túa conta ou seguindo a ruta de sendeirismo. É un fermoso bosque autóctono, formado por carballos, castiñeiros, bidueiros ou loureiros. Verás tamén a espectacular fervenza de Santo Estevo, sobre todo en épocas de choiva.

Trabada

O percorrido pola ruta homologada da Fraga da Vilapena (PRG-85) é unha inmersión neste tipo de ecosistemas tan característicos de Galicia. O camiño, duns 10 km, está rodeado de árbores autóctonas polo que poderás aproveitar para recoller cogomelos.

Mondoñedo

A Ruta da Fraga Vella, a uns 15 km da zona urbana, discorre polo val do río Valiñadares e pasa ao pé da Cova do Rei Cintolo (consultar as condicións da visita). Esta paraxe ofrece unha riqueza de flora e fauna autóctona para alegría dos amantes da natureza. Está repoboado de piñeiros polo que no outono poderás encontrar gran variedade e cantidade de cogomelos. Empresas especializadas adscritas a este proxecto organizan excursións micolóxicas.

Outro imprescindible é o salto do Coro, nos montes das Bouzas, que ofrece unha bonita paisaxe fluvial.

Alfoz

No municipio veciño de Mondoñedo, a unha media hora en coche, tamén podes organizar visitas de temática apícola (elaboración de mel) e micolóxica acompañado de profesionais da zona. De paso, que te leven a lugares máxicos como a fervenza do Escouridal, o castelo da Frouxeira (límite entre Foz e Alfoz) ou Pena Abaladoira. Na ruta para chegar a este último enclave, en plena serra do Xistral, atoparás gran variedade de cogomelos.

O Valadouro

O “ouro líquido”, o mel, é un dos produtos agrícolas máis representativos do Valadouro e destaca pola súa calidade. De feito, a Feira do Mel (2ª fin de semana de outubro) é unha das citas gastronómicas de referencia no municipio e de toda a Mariña lucense xa que a ela acoden apicultores de toda a comarca.

Fóra desta data, concerta hora se te queres achegar ao Museo do Mel (privado), planifica a visita a unha explotación apícola ou participa en rutas micolóxicas. Se son pola Fraga das Leiras ou pola Ruta dos Pozos, terás a oportunidade de ver dous fermosos enclaves: unha fraga típica e a fervenza Pozo da Onza.

En novembro celébrase no Valadouro o Mercado de Outono durante o que os asistentes poden adquirir produtos de tempada e obxectos de artesanía. Pola noite hai un magosto popular.

Ourol

Ourol comparte co Valadouro un entorno natural protagonizado pola serra do Xistral e a canle do río Ouro, do que toma o nome. Ten unha gran riqueza paisaxística que ofrece un marco idóneo para o turismo activo ou o sendeirismo. No outono, os montes énchense de buscadores de cogomelos (parasoles, boletos ou bexines), moi abundantes nas zonas altas e que, xunto con outros produtos que ofrece o territorio, son a base da súa gastronomía. Na parroquia de Miñotos celebran en novembro o típico magosto.

Completa a túa experiencia nas Terras de Miranda!