Sinte en primeira persoa a expresión “Galicia, o país dos mil ríos” durante idílicas xornadas de pesca na primavera ou acude, no outono, a un dos numerosos coutos de caza das Terras de Miranda.

Época recomendada: outono para a caza. De maio a setembro, aprox., para a pesca.
Tempo: 4 días
Levámoste por:

  • O Vicedo
  • Ourol
  •  O Valadouro
  • Alfoz
  • Mondoñedo
  • Lourenzá
  • Trabada

Sabías que?…

A comarca da Mariña ten gran variedade de espazos naturais protexidos como as Reservas da Biosfera do río Eo (Ribadeo e Trabada) e Terras do Miño (Mondoñedo, Ourol e O Valadouro); Lugares de importancia Comunitaria (LIC) rede Natura 2000, zonas húmidas RAMSAR ou zonas de especial protección para as aves (ZEPA).

Paradas

O Vicedo

Parte do percorrido dos 9,5 km da ruta homologada Morgallón-Río Sor-Morgallón (PR-G 8) discorren por un sendeiro de pescadores moi apreciado entre os afeccionados galegos e foráneos debido á calidade dos seus reos e troitas. O couto de Ribeiras do Sor foi creado en 1956, establecéndose o límite superior na presa da Tronca (presa de Rafael) e o seu límite inferior na ponte de Riberas.

Ademais da beleza da paisaxe, fíxate nos restos dunha antiga telecadeira que servía para que os pescadores cruzaran o río! É moi curiosa!

Ourol

A gran riqueza paisaxística deste pequeno municipio maniféstase en numerosos ríos e regatos e nas montañas que o rodean. Este é un marco idóneo para actividades ao aire libre, como o sendeirismo, ou a práctica da caza e da pesca. De feito, a gastronomía local está baseada no aproveitamento e transformación dos produtos do territorio en suculentos pratos de peixe de río ou de caza como xabarís, corzos, lebres, etc. Son menú habitual nos establecementos da zona.

Durante a Festa da Carne de Caza, en decembro, degustarás xabaril e corzo.

O Valadouro

Na parte alta do río Ouro predominan os rápidos e as augas claras con abundantes troitas comúns, de pequeno tamaño, que adoitan incluírse nas cartas dos restaurantes locais xunto con pratos de caza.

Podes completar a estadía percorrendo a Ruta dos Pozos entre carballos e castiñeiros para chegar á fermosa fervenza de Pozo da Onza, de case 15 metros e cunha fermosa charca ao seus pés. Merece tamén unha visita o Pozo de Torez, unha fervenza case descoñecida encaixada na rocha.

Alfoz

A ruta do río Ouro descubrirache a riqueza floral e faunística que atesouran as augas e as ribeiras desta xoia natural do norte lucense. Ademais de troitas, aquí tamén se pescan as cada vez máis escasas lampreas. Se ben o mexillón de río é o habitante máis característico destas augas, representando unha das escasísimas poboacións galegas desta especie.

Non marches sen achegarte á fervenza do Escouridal, unha das máis grandes de Galicia cos seus 70 m de altura. Forma parte do río Guilfonso, afluente do Ouro e exerce como límite xeográfico entre Alfoz e O Valadouro. Outro tesouro do patrimonio natural é a máxica Pena Abaladoira, na serra do Xistral.

Mondoñedo

En Mondoñedo, ao redor do río Masma, un dos grandes na pesca do salmón de Galicia, existen moitas rutas interesantes pola súa beleza e accesibilidade. De paso, podes visitar o castro de Zoñán, cerca do mosteiro dos Picos.

O primeiro domingo de maio, a parroquia de Masma acolle a Festa do Pescador na que se reúnen gran número de afeccionados. Ademais dun concurso de capturas sen morte (as pezas devólvense ao río vivas), hai un importante programa de actividades.

Tamén en Mondoñedo existe tradición dos pratos de caza servidos en tempada pola hostalería local.

Lourenzá

Un couto de pesca moi apreciado polas súas troitas e salmóns é o que se atopa onda a ponte de Cazolga (1796).

Fíxate neste paso pétreo sobre o río Masma. Foi construído polos monxes beneditinos de Lourenzá para transportar os materiais cos que se construiría o mosteiro de San Salvador, un exemplo do barroco galego. A fortaleza de Tovar, musealizada, é outro dos referentes arquitectónicos do municipio.

Un completo paseo que, sen dúbida, che abrirá o apetito para degustar pratos de caza e pesca nos restaurantes locais.

Trabada

Durante a última parada desta ruta terás a posibilidade de practicar a caza e a pesca. O río Eo e os seus afluentes gozan dunha riqueza piscícola moi importante: salmón, troita, reo, lamprea, anguía ou angula que despois poderás degustar nos restaurantes de Trabada ao igual que pratos de caza co xabaril e o corzo como ingredientes principais.

Completa a túa experiencia nas Terras de Miranda!