Se algo caracteriza as Terras de Miranda é o seu espírito gandeiro, e sobre todo, a celebración de feiras cabalares centenarias como As San Lucas, As Quendas ou As Maulas, ás que aínda podes asistir.

Época recomendada: todo o ano. Verán (rapas das bestas) / Primavera / Outono (feiras de gando) / Inverno (cocido, caldo)
Tempo: 3 días
Levámoste por:

  • Mondoñedo
  • O Valadouro
  • Ourol
  • Vicedo
  • Viveiro
  • Xove
  • Cervo
  • Burela
  • Foz
  • Barreiros

Sabías que?…

Moi curioso é o nome de bautismo das campás da catedral de Mondoñedo! Paula da Asunción, coñecida só por “A Paula”; María Jacoba Concepción, “A Prima”; Ronda Rosenda Mª Natividad, “A Ronda”; Martina de Jesús Mª y José, “Esquilón Vello”; Gonzala Luciana da Expectación, “Esquilón Novo”; Petra, a “campá do sino” que se tocaba para un bo parto,… Se te atopas co campaneiro, afonda na simboloxía destes artiluxios. É un gran experto!

Paradas

Mondoñedo

Outubro é o mes da As San Lucas, coñecida como “a feira das feiras” pola importancia que tivo e aínda ten no seu ámbito. Está dedicada, sobre todo, ao gando montaraz. Celébrase desde 1156 e está considerada a máis antiga de Galicia e unha das máis antigas de Europa.

Nos seus mellores tempos duraba ata quince días aínda que agora a media é de cinco desde o 17 de outubro. Ás 13.00h o volteo e o tanguido da “Paula”, a campá maior da Catedral de Mondoñedo con 2.500 kg de peso, marcan o inicio da feira mentres a acompañan o resto de sinos do campanario.

Na tardiña do 17, os gandeiros, que levan varios días xuntando aos cabalos salvaxes nos montes, condúcenos en mandas por diante da catedral ata o campo. É un momento moi emocionante porque no ambiente pálpase o sentimento dos organizadores, veciños e visitantes.

En maio celébranse As Quendas. Con orixe no s. XVI e unha duración duns 3 días, pódense cualificar como unhas San Lucas pequenas. O programa complétase cunha ruta a cabalo para coñecer o territorio e cunhas xornadas gastronómicas de carne de poldro na hostalería local.

A terceira cita coa tradición gandeira de Mondoñedo é en xuño. Desde 1976, celébrase unha rapa das bestas no Campo do Oso.

Durante todo o ano, ademais de probar pratos elaborados con produtos cárnicos, tamén podes participar na elaboración dalgúns.

O Valadouro

Aquí tamén se celebra unha rapa das bestas, aínda que en agosto. Un dos pratos fortes, e broche final, é a carreira de cabalos entre os mellores xinetes da comarca.

Moi preto do curro, visita o dolmen de San Tomé, con catro esteos. A mámoa (sepulcro prehistórico) está moi ben conservada, pero o que realmente che chamará a atención é unha rareza botánica que só hai en contados lugares de Galicia: o mofo luminescente coñecido como “ouro do trasgo”.

Tamén en San Tomé se sitúa o Prado das Chantas, unha estrutura de forma ovalada formada por unhas 250 pedrafitas de granito en pé con orixe imprecisa.

Merece tamén unha visita o Pozo de Torez, unha fervenza case descoñecida encaixada na rocha.

Ourol

Ourol é unha xoia para o ecoturismo pola variedade dos seus ecosistemas. Está situado na conca alta do río Landro (que desemboca en Viveiro), no val do Sor e na vertente norte da serra do Xistral. Estas montañas explotáronse unicamente para a gandería extensiva; vacas e cabalos que, aínda hoxe, pacen ceibos.

Anualmente, o 24 de xullo celébrase un asado popular. Tamén atoparás restos conservados da antiga Ferrería de Bravos, casa señorial do s. XV.

O Vicedo

No miradoiro do parque eólico de Muronovo celébrase cada terceiro domingo de xullo a Festa do Turismo Rural. Unha xornada na que se combina a exaltación da contorna con fermosas vistas sobre a zona, degustación de produtos autóctonos, carreiras de cabalos, bailes,…

Viveiro

Maio é o mes da Feria das Maulas con, polo menos, tres séculos de historia. Un dos grandes momentos son as carreiras de cabalos e non faltan as xornadas de produtos do porco, o mercado popular e a feira de gando.

En xullo ten lugar na parroquia de San Andrés de Boimente a Rapa das Bestas de Candaoso (Festa de Interese Turístico de Galicia). A rapa, considerada unha das tradicións máis ancestrais de Galicia, consiste na corta do rabo e das crinas dos cabalos salvaxes.

Moi preto do curro de Candaoso, nos límites do concello de Viveiro e de Xove, ben merece unha visita o Pozo da Ferida, unha fermosa fervenza natural de máis de 30 metros de caída e o Souto da Retorta, monumento natural onde se atopa o chamado “Avó de Chavín”, que poida que sexa a árbore máis alta de España, unha das de maior envergadura de Europa e o eucalipto máis grande de Galicia.

Na área recreativa do monte San Roque (300 m), a uns quilómetros do centro e onde se celebra a romaría do mesmo nome, hai un parque de animais en catividade como burros e ponis. É un fabuloso miradoiro sobre a ría de Viveiro, a costa, o núcleo urbano e a illa da Coelleira, no Vicedo (oeste).

Xove

Hai dúas citas importantes en Xove. A Feira de San Isidoro do Monte, en Penas Agudas, é unha das convocatorias máis características da comarca mariñá. Ten lugar en agosto e uns meses antes, en maio, celébrase en Lago a Feira Nacional de Gando Cabalar, con exhibicións, concursos, etc. Unha cita gastronómica para apuntar é a Festa do Lacón, en marzo.

En Penas Agudas tamén te atoparás co patrimonio megalítico: o Petróglifo de Monte (Ben de Interese Cultural, BIC) foi o primeiro inventariado en Xove.

Se che apetece facer sendeirismo, a Ruta de Pau da Vella discorre na súa maior parte polos camiños comunais dos pasteiros da comunidade de propietarios Costa de Laxamoura, polo que poderás ver cabalos salvaxes. O punto central é o monte Pau da Vella, lugar onde conflúen catro concellos (Xove, Viveiro, Cervo e O Valadouro).

Cervo

A mediados de abril ten lugar na praza do Souto de Cervo unha degustación de carne de porco e en outubro tes que apuntar a Ruta do Poldro. Co paso dos anos, esta cita converteuse nun encontro anual para asociacións de xinetes de toda a comarca da Mariña e incluso doutros lugares de Galicia chegando a xuntar un cento de inscritos.

Burela

Unha das paradas da Ruta Cabalar Monte Castelo, en maio, é a área recreativa do mesmo nome. Ademais das fermosas vistas panorámicas da liña de costa (en Burela comeza, ou acaba, a rasa cantábrica), aquí atoparaste coa Historia.

Cerca encóntrase o asentamento castrexo Chao do Castro (non escavado), onde se localizou o famoso torque de Burela, un colar ríxido de ouro e elemento ornamental distintivo de poder ou riqueza que se representa no escudo municipal. É o maior dos torques atopados en Galicia e está custodiado no Museo Provincial de Lugo.

Foz

Na tradicional Feira de Gando Cabalar e Vacún da Espiñeira, na parroquia de Vilaronte (xuño), hai diversos premios de gandería e o tradicional concurso de andadura.

No xantar, opta por pratos de carne tradicionais na zona e para baixar a sobremesa, visita a basílica de San Martiño de Mondoñedo, a catedral máis antiga de España (s. VI), ou sube ao pico da Frouxeira (430 m), se es moi aventureiro! Este é un excelente miradoiro sobre a ría de Foz, os límites de Alfoz e do Valadouro e sede, outrora, da fortaleza do mariscal Pardo de Cela (verás as ruínas).

Barreiros

A Feira de San Rosendo, na parroquia de San Miguel de Reinante, ten lugar no arranque da primavera, en marzo, sendo un bo momento para degustar pratos de carne tradicionais.

Unha curiosidade. Nesta mesma parroquia atópase o coñecido como Stonehenge galego: o xacemento arqueolóxico A Roda (Idade de Bronce), único en Galicia e mesmo en España.

Tamén paga a pena a visita á área natural e arqueolóxica de Santo Estevo do Ermo, onde atoparás a capela, a fraga e a fervenza do mesmo nome, así como fontes con propiedades curativas e a ferradura do cabalo de Santiago rodeada dun bosque autóctono formado por carballos, castiñeiros, bidueiros ou loureiros. Sabes identificalos polo seu porte e follas?

Completa a túa experiencia nas Terras de Miranda!