Viaxe polos nosos principais portos e lonxas para coñecer a cultura e os
oficios do mar sen os cales non existirían nomes propios como a pescada do
pincho de Celeiro ou o bonito de Burela.
Época recomendada: verán / Todo o ano (festas espalladas)
Tempo: 2 ou 3 días
Levámoste por:
- O Vicedo
- Viveiro
- Xove
- Cervo
- Burela
- Foz
Sabías que?…
Outras dúas rutas organizadas para visitar a costa de Lugo son o Camiño Natural da Ruta do Cantábrico ou a ruta no tren FEVE. Durante ambos percorridos ben seguro que ves os 6 faros do territorio, sinais marítimas imprescindibles para a xente do mar. De leste a oeste, ou viceversa: illa Pancha (Ribadeo), Foz, Burela, San Cibrao, punta Roncadoira (Xove) e illa Coelleira (O Vicedo).
Paradas
O chicharro, ou xurelo, é un dos peixes máis populares do primeiro porto pesqueiro de Lugo, entrando pola Coruña, que en setembro ten a súa exaltación gastronómica: a Festa do Chicharro Lañado.
Seguindo a ruta de sendeirismo homologada PRG-156 Costa do Vicedo chegarás á praia do Caolín na que, aparte de marabillarte coa súa area fina e branca, como a do Caribe, veras os vestixios dunha antiga factoría de salgadura. Percorre tamén o Sendeiro Azul praia de Abrela – punta Socastro (máis coñecido como Fuciño do Porco), cun miradoiro natural sobre a praia de Pereira, Area Grande, e illa Coelleira e cara ao leste, a ría de Viveiro.
O terceiro domingo de xuño, O Vicedo é un dos numerosos portos galegos nos que honran á Virxe do Carme cunha procesión marítima.
Celeiro, en Viveiro, é un dos portos pesqueiros máis importantes da cornixa cantábrica. A súa principal captura, e o 70% das súas vendas, é a pescada do pincho collida unha a unha en alta mar, dun modo artesanal. É o primeiro produto pesqueiro que acadou a distinción Galicia Calidade e que, como non, ten a súa propia Festa de Interese Turístico a fin de semana anterior ao 25 de xullo. Neste mes tamén se celebran as festas patronais e do mar de Celeiro.
É moi interesante visitar a lonxa (con autorización previa), asistir ás descargas da flota e á poxa (artes menores e o arrastre, ás 20.00h), e visitar os peiraos para, en xeral, ver cales son as rutinas de traballo nun porto.
E se queres ter unha perspectiva deste enclave a vista de paxaro, sube ao miradoiro Monte Faro (198 m) mentres degustas un anaco dunha das típicas empanadas de peixe elaborada polas panaderías locais. O turismo activo é outra opción moi interesante.
Xove conta con dous portos visitables, Portocelo e Morás, a uns 5 km de distancia entre si; e co faro de punta Roncadoira, cunhas vistas inmellorables deste tramo de costa cantábrica.
Aparte de deleitarte coa natureza e coa actividade mariñeira, nesta parada propoñémosche visitar unha conserveira no polígono da Camba onde envasan bonito de Burela e pescada de Celeiro.
As antigas instalacións portuarias dan conta dun pasado industrial brillante. San Cibrao foi arribada natural de navíos desde tempos remotos. Un dos períodos de maior actividade coincidiu co apoxeo das Fábricas de Sargadelos, a só 10 minutos de aquí. No peirao atoparaste cos 200 anos de historia da única carpintería de ribeira tradicional de toda a provincia de Lugo, e unha das 20 galegas.
O legado baleeiro tamén forma parte do patrimonio local. No Museo do Mar de San Cibrao, o primeiro de Galicia, expóñense ósos (s. XVIII) destes mamíferos de ata 4 metros de longo, así como os apeiros para desfacelos.
Outras visitas moi recomendables son as antigas fábricas de salgadura, o faro de punta Atalaia e a súa contorna, o encontro de palilleiras (marzo-abril), e dúas Festas de Interese Turístico. Durante a Maruxaina (2º sábado de agosto) recréase unha lenda mariñeira e a Queimada Popular de Cervo celébrase o seguinte sábado ao 16 de agosto. O Sendeiro Azul O Torno vertebra todos estes puntos de interese.
Continúa a liña de costa visitando o porto de Burela, o segundo en importancia de Galicia por ser a principal lonxa en comercialización de pescada do pincho e berce do bonito de Burela. A festa gastronómica (de Interese Turístico) desta especie celébrase o primeiro sábado de agosto no peirao.
Reserva tempo para asistir a unha poxa na lonxa (consulta antes os horarios) ou para ir ata a nave das redeiras, con exposición de artes de pesca e maquinaría. A poucos metros atópase o barco museo “Reina del Carmen”, visitable todo o ano, para ver outra parte do oficio do mar por dentro.
A tradición e o oficio mariñeiro están presentes en cada recuncho de Foz. Noutros tempos a relación era mar-industria (pesca da balea e exportación de madeira) e, actualmente, a relación é mar-turismo, pero co mar sempre presente.
Un dos lugares máis fermosos é a desembocadura do río Masma. Convertido en ría, o azul que devolve a auga á vista é espectacular.
Polas festas de San Xoán e en xeral durante o verán, celébranse multitude de sardiñadas populares.