Qué é o LEADER?
O LEADER é o conxunto de medidas do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 que se executa baixo metodoloxía LEADER (Ligazóns Entre as Actividades de Desenvolvemento da Economía Rural). Esta metodoloxía vén sendo impulsada pola Unión Europea desde 1991 para descentralizar as políticas de desenvolvemento rural, de xeito que o territorio rural deixe de ser un simple destinatario destas políticas para converterse en protagonista do seu propio desenvolvemento.
En Galicia, nos períodos 1991-1994, 1994-1999, 2000-2006 e 2007-2013, ademais de aplicarse os programas das propias Iniciativas Comunitarias LEADER (LEADER, LEADER II E LEADER +),
leváronse a cabo outros programas coa mesma metodoloxía que, por ter distintas fontes de financiamento, levaron distintos nomes, como PRODER, PRODER II OU AGADER, de xeito que no período 2000-2006 estivo cuberto todo o territorio rural galego con estes programas.
Quen pode participar?
Todas as entidades públicas e privadas que desenvolvan a súa actividade nas áreas territoriais definidas do ámbito económico, social, cultural, veciñal, medioambiental, profesional, comunidades de montes, etc non só poden senón que deben implicarse no programa LEADER do seu territorio.
Como se pode participar?
O programa LEADER de cada territorio deséñao e execútao un Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR). Trátase dunha asociación constituída por todas as entidades do ámbito económico, social, cultural, veciñal, medioambiental ou profesional que desexen implicarse. Estas entidades funcionan como calquera asociación sen fin de lucro e deben cumprir o principio de “portas abertas” polo que están obrigadas a admitir calquera organización do seu territorio que desexe participar no programa.
Como funcionan os GDR?
O Grupo de Desenvolvemento Rural elabora unha estratexia de desenvolvemento comarcal. Nela inclúese cales son as principais posibilidades, oportunidades e necesidades do seu territorio do punto de vista produtivo, económico, dotacional, social etc. Esta estratexia preséntase á convocatoria do programa para o período 2014-2020 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), ente público xestor do programa LEADER en Galicia.
O grupo conta cunha estrutura técnica que se dedica ao labor de dinamización, mobilización e promoción para aplicar a estratexia deseñada para ese territorio co obxectivo de que xurdan proxectos que se poidan financiar ao abeiro do programa. É o propio GDR quen se encarga de analizar a valorar os proxectos e, en función diso, o seu órgano directivo atribúe unha porcentaxe da axuda, partindo duns criterios predefinidos. A decisión trasladase a AGADER que, logo de revisar que a atribución do GDR se axusta á normativa, resolve a concesión de axuda.