Percorre a costa da Mariña lucense saltando de porto en porto e saboreando os nosos mariscos e moluscos máis representativos como o ourizo, o polbo da pedra ou os chícaros (berberechos).

Época recomendada: verán / todo o ano (festas espalladas)
Tempo: 5 días
Levámoste por:

  • O Vicedo
  • Xove
  • Cervo
  • Foz
  • Barreiros
  • Ribadeo

Sabías que?…

Ribadeo é a primeira parada do tren FEVE en Galicia, que pasa por todas as localidades que atravesa esta Ruta do Marisco. É un medio de transporte sostible para coñecer o territorio!

Paradas

Porto do Vicedo (O Vicedo)

O porto do Vicedo, a carón da ría do mesmo nome e situado no municipio do mediático miradoiro do Fuciño do Porco, destaca pola súa tradición marisqueira. A modo de curiosidade, contámosche que aquí hai 3 minicriadeiros de ameixa, cadeluchas e ourizo dependentes do Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo – CIMA (Xunta de Galicia).

En maio, durante as xornadas gastronómicas da ostra, a hostalería local ofrecerache exquisitas preparacións deste molusco bivalvo da ría para dalo a coñecer e potenciar o seu consumo.

Porto de Morás (Xove)

A segunda parada recomendada desta ruta é o obradoiro tradicional dunha conserveira onde preparan polbo e bonito de Burela.

Na segunda quincena de xullo (a data depende das mareas), Xove celebra a Festa do Percebe na que non falta música de charanga e actividades para nenos.

Antes, en Semana Santa, hai outra data sinalada. O Xoves Santo ten lugar a Festa do Polbo da Pedra, denominación coa que coñece a especie que se captura neste tramo de costa. Este é un cefalópodo de altísima calidade cunha cor máis escura có común, raxos máis longos e cabeza máis pequena.

Aproveita para pasar polo cabo de Morás e o faro de punta Roncadoira. É un lugar salvaxe a pesar de non destacar pola verticalidade dos seus cantís. A plataforma do faro, con torre cilíndrica, serve de miradoiro sobre o horizonte do mar Cantábrico, a ría de Viveiro, as illas dos Farallóns, a de Sarón ou incluso illa Coelleira (oeste). Prismáticos en man, verás alí un dos seis faros que hai na Mariña lucense e unha gran reserva de aves migratorias (uns 15.000 niños).

Porto de San Cibrao (Cervo)

A abundancia de ourizos nas súas augas converte ao concello de Cervo na capital galega deste curioso marisco. É moi habitual nas cartas dos restaurantes locais que, durante a Festa do Ourizo de San Cibrao (entre febreiro e marzo) son os seus principais embaixadores preparándoos en croquetas, empanada, tortilla, ao natural, cocidos ou en pudin.

A hostalaría tamén se involucra coa degustación da Festa do Mexillón cada sábado de Semana Santa mentres é amenizada coa actuación de grupos folclóricos da zona.

Co estómago cheo, parada obrigada en Cervo é a Real Fábrica de Sargadelos, historia viva de Galicia. Aparte da exposición, da galería ou do Paseo dos Namorados, paga a pena achegarse entre semana (mañás) para seguir o percorrido sinalizado por toda a fábrica e ver aos traballadores mentres fan as súas tarefas con toda naturalidade, dando forma a estas famosas pezas brancas co seu característico cor azul cobalto, verde ou vermello.

Aproveita a estadía en San Cibrao para coñecer os 200 anos de historia da única carpintería de ribeira tradicional da provincia de Lugo, e unha das 20 galegas; o Museo do Mar, o primeiro da nosa comunidade; as antigas fábricas de salgadura; ou o faro de punta Atalaia, con espectaculares vistas. O Sendeiro Azul O Torno en San Cibrao vertebra todos estes lugares de interese.

Se andas por aquí en agosto, vive coma un veciño máis dúas Festas de Interese Turístico: a Maruxaina (2ª sábado), durante a que se escenifica unha lenda mariñeira, e a Queimada Popular (sábado seguinte ao 16).

Portos de Foz e Barreiros (Foz e Barreiros)

A mediados de maio celébrase ao mesmo tempo en Foz e en Barreiros a Festa do Bígaro, con degustación de tapas e de racións na hostalería local.

Unha boa opción para coñecer a zona e o seu patrimonio é camiñar pola Ruta das Praias, entre a casa do concello de Barreiros e a praia de Arealonga (Foz). O castro de Fazouro (Ben de Interese Cultural, BIC) é o único poboado castrexo costeiro escavado e musealizado na costa cantábrica galega. Fíxate nestes cantís rectos, de escasa altura, chámanse “rasa cantábrica”.

En xaneiro, Foz, a vila turística máis concorrida da Mariña, acolle a Festa do Chícaro, nome que aquí lle dan aos berberechos. Para a cea, marida a primeira cervexa artesá da Mariña con hamburguesas “gourmet” de produtos do mar.

Vila mariñeira de Rinlo (Ribadeo)

Antes de chegar a Ribadeo, colle o desvío cara á Rinlo, tan famosa polos seus percebes como polo arroz caldoso con marisco. No calendario de xornadas gastronómicas do verán non podía faltar a súa Festa do Percebe, entre finais de xullo ou principios de agosto (varía polas mareas).

A poucos metros do peirao, seguindo a pasarela de madeira sentido Foz, atoparás a primeira das 3 curiosas cetarias naturais que había en Rinlo. Esta data de principios do 1900 e estivo en activo uns cen anos.

Desde aquí, un “curto” paseo duns 5 km a carón da rasa cantábrica (1 hora a pé e 10 minutos en coche) levarate ata outro“imprescindible”: a praia das Catedrais, monumento natural de gran riqueza paisaxística. (Recorda que no verán e Semana Santa precisas reservar visita.)

Porto de Porcillán (Ribadeo)

A 10 minutos en coche de Rinlo está o porto de Ribadeo. O peirao de Porcillán é a principal entrada de mercadorías do noroeste galego. Unha ruta pola ría descubrirache as artes e praias para o marisqueo e incluso poderás vivir in situ unha xornada coas mariscadoras, visitar cultivos de ameixas, muíños de mareas ou unha antiga fábrica de algas.

Completa a túa experiencia nas Terras de Miranda!