Dez rutas únicas
“Terras de Miranda – Turismo de Lugo” é un espazo cultural, social e económico común integrado polos 14 concellos que forman o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda financiado con fondos europeos.
Este é un territorio máxico situado na comarca da Mariña (Lugo, Galicia), entre o mar Cantábrico e a serra do Xistral. Aquí podes descubrir a beleza da paisaxe e da nosa xente a través de alimentos km 0 únicos e inspiradores dunha gastronomía con personalidade propia.
Rutas autoguiadas
Tradición panadeira
Viaxa da costa ao interior para visitar antigos muíños de moenda e ver como a elaboración artesanal do pan, das empanadas ou da “enfariñada” se mantén hoxe en día para deleite do padal.
Época recomendada: xullo-agosto
Tempo: 2 ou 3 días
Delicatessen da terra
Cal é o camiño que seguen as mellores fabas, mazás e tomates antes de chegar á mesa? Aprende como se colleita a nosa horta e como unha produción sostible leva os nosos produtos a cociñas profesionais de toda España.
Época recomendada: outono
Tempo: 2 días
Concentrado de mar
Percorre a costa da Mariña lucense saltando de porto en porto e saboreando os nosos mariscos e moluscos máis representativos como o ourizo, o polbo da pedra ou os chícaros (berberechos).
Época recomendada: verán / todo o ano (festas espalladas)
Tempo: 5 días
Xerme mariñeiro
Descubre, fronte ao Cantábrico, os nosos principais portos e lonxas para coñecer a cultura e os oficios do mar. Sen eles non existirían nomes propios como a pescada do pincho de Celeiro ou o bonito de Burela.
Época recomendada: verán / Todo o ano (festas espalladas)
Tempo: 2-3 días
Sobremesas exquisitas
Este é un paseo para larpeiros! Non faltan paradas para degustar a coñecida torta de Mondoñedo, sobremesas tradicionais ou receitas case perdidas como a da Colineta, recollida polo escritor Cunqueiro.
Época recomendada: Entroido / Nadal / verán (festas espalladas)
Tempo: 4 días
Paixón polos cabalos
Se algo caracteriza as Terras de Miranda é o seu espírito gandeiro, e sobre todo, a celebración de feiras cabalares centenarias como As San Lucas, As Quendas ou As Maulas, ás que aínda podes asistir.
Época recomendada: todo o ano. Verán (rapas das bestas) / Primavera / Outono (feiras de gando) / Inverno (cocido, caldo)
Tempo: 3 días
Tesouros nutricionais
Montes, fragas e bosques sempre nos deron de comer. Recolle cogomelos, castañas ou elabora mel ao pé da serra do Xistral para, de paso, saber por que é tan importante preservar estes ecosistemas.
Época recomendada: outono
Tempo: 5 días
Reserva natural
Sinte en primeira persoa a expresión “Galicia, o país dos mil ríos” durante idílicas xornadas de pesca na primavera ou acude, no outono, a un dos numerosos coutos de caza das Terras de Miranda.
Época recomendada: outono para a caza. De maio a setembro, aprox., para a pesca.
Tempo: 4 días
Patrimonio da Unesco
Esta é unha ruta de peregrinación histórica a Santiago. Tanto a variante de Ribadeo como a de Trabada marcaranche o camiño para explorar o territorio e a nosa gastronomía máis típica.
Época recomendada: primavera
Tempo: 4 días
Comida que é cultura
Saborea un menú (entrante, 2 pratos e sobremesa) inspirado na obra de Álvaro Cunqueiro (s. XX). Pratos que o grande escritor mindoniense probou unha e mil veces e recomendaba con paixón.
Época recomendada: inverno
Tempo: 2 días